O CEIP Vila de Rutis explora novas vías para a educación emocional con 'Crea o teu camiño'

O alumnado de 4º de Primaria do CEIP Vila de Rutis participou recentemente na actividade “Educación emocional: Crea o teu camiño”, unha proposta pioneira incluída dentro do programa municipal EducaCulleredo, impulsado pola área de Participación Cidadá e Deportes do Concello de Culleredo.
Esta iniciativa tivo como obxectivo principal o fomento das competencias emocionais e sociais do estudantado, co propósito de contribuír á construción dunha comunidade escolar máis empática e responsable. A través desta actividade, os nenos e nenas puideron iniciarse na planificación do seu propio camiño vital, desenvolvendo habilidades clave como a toma de decisións éticas, a resolución de conflitos, a autoestima, a empatía ou a autorregulación emocional.
A pesar de que a educación emocional xa se vén traballando nos centros educativos do municipio dende hai varios cursos, grazas ao apoio do persoal técnico municipal, esta proposta achegou un enfoque innovador. Foi deseñada e desenvolvida pola educadora social Belén Fernández, quen introduciu unha metodoloxía renovadora que combina dinámicas participativas con técnicas de gamificación e role playing.
O proxecto desenvolveuse en dúas fases diferenciadas. Na primeira, tivo lugar unha reunión cos dous titores de 4º de Primaria para analizar as necesidades específicas do grupo. A partir desa análise, adaptáronse os contidos do obradoiro, facendo fincapé en aspectos como a motivación, a planificación, a asertividade, a autoestima e outras habilidades sociais.
Na segunda fase, o alumnado participou directamente nun obradoiro de 90 minutos en cada aula, no que se empregaron dinámicas de grupo, xogos de rol e ferramentas de gamificación, co fin de potenciar os valores e capacidades emocionais do grupo.
A tenente de alcalde e concelleira de Educación e Participación Cidadá, Cristina Pardo, valorou moi positivamente a experiencia no CEIP Vila de Rutis, sinalando que “ha sido muy enriquecedora para el alumnado, que tuvo la oportunidad de aprender valores fundamentales de una forma innovadora”.
Ademais, a edila avanzou que “se estudiará la posibilidad de ampliar esta iniciativa al resto de centros educativos de Culleredo en el próximo curso escolar, como muestra del compromiso institucional con una educación integral que atienda tanto al desarrollo académico como al bienestar emocional del alumnado”.