O CEIP Vicente Otero Valcárcel denuncia recortes que comprometen a atención ao alumnado con necesidades especiais

ACoruñaXa
A falta de persoal docente e de apoio, xunto cun incremento de ratio nas aulas, provoca malestar entre a comunidade educativa, que convoca unha manifestación para o martes 9 de setembro
CARRAL colexio vicente otero valcarcel
8 Sep 2025

Ante o inminente inicio do curso escolar 2025-2026, o CEIP Vicente Otero Valcárcel enfróntase a unha situación crítica derivada da insuficiencia de recursos humanos, especialmente grave no caso do alumnado con Necesidades Educativas Especiais (NEE).

A comunidade educativa denuncia que, para este curso, se reduce de dous a un o número de especialistas en Pedagoxía Terapéutica (PT), sendo este ademais compartido con outro centro. Así mesmo, o equipo de Audición e Linguaxe (AL) tamén sofre recortes, pasando de dous especialistas a un só profesional.

A situación agravouse o pasado 5 de setembro, cando o centro foi informado de que a coidadora asignada sería destinada a outro colexio. Isto deixa sen apoio esencial a nenos e nenas con mobilidade reducida ou que precisan axuda para o control de esfínteres e outras necesidades básicas. A dirección do centro considera imprescindible contar cunha coidadora ou coidador antes do martes 9.

Por outra banda, nas aulas de 4º de Educación Infantil superouse xa a ratio establecida, con 42 nenos/as ponderados para só dúas aulas, cando en marzo a Consellería de Educación ofertara 60 prazas, implicando así a creación de tres aulas. Actualmente, dúas destas aulas contan con máis de 20 nenos, dous deles con NEE.

Desde o Concello de Carral, aínda que sen competencias directas nesta materia, trasladouse o pasado 4 de setembro unha solicitude formal á Consellería de Educación esixindo solucións urxentes.

A ANPA do colexio fai un chamamento a todas as familias e veciñanza para que se mobilicen o martes 9 de setembro ás 9.00 horas diante do centro educativo, reclamando unha educación digna, equitativa e con recursos suficientes.

⚙ Configurar cookies
0.14177989959717