O CEIP San Marcos gañará espazo verde coa retirada dos históricos barracóns

O Concello de Abegondo vén de iniciar a transformación do patio exterior do CEIP San Marcos cunha actuación que permitirá retirar os históricos módulos auxiliares instalados no centro educativo desde os anos 80 e avanzar cara a un espazo máis verde e confortable para o alumnado.
A intervención supón a eliminación dos coñecidos como barracóns, colocados pola Consellería de Educación nun momento no que era necesario ampliar a capacidade das aulas. Co paso do tempo, estas estruturas continuaron acollendo distintas actividades extraescolares, pero o seu deterioro levou ao goberno local, en coordinación coa ANPA e coa dirección do centro, a apostar pola súa supresión para humanizar a zona exterior do colexio.
Os operarios xa comezaron os labores de desmontaxe e o esqueleto das antigas instalacións empeza a quedar á vista. No espazo que ocupaban, o Concello proxecta agora un patio renovado, con máis vexetación e mellores condicións de uso para os escolares.
O obxectivo da actuación é crear un ambiente máis agradable e reducir o efecto illa de calor durante o período lectivo. Para conseguilo, o proxecto contempla a retirada do actual pavimento asfáltico, a creación dunha pradaría permeable con céspede resistente, a plantación de seis carballos para xerar sombra natural, a habilitación de dous hortos escolares e a instalación dunha fonte como punto de auga no recinto.
O Concello xa prevé unha segunda fase para seguir mellorando a contorna exterior do CEIP San Marcos e completar así a renovación deste espazo educativo.