O CEIP Plurilingüe Bragade abre as súas portas ás familias antes do prazo de admisión do curso 2026/27

O CEIP Plurilingüe Bragade, en Cesuras, prepara a campaña informativa de cara ao proceso de admisión de novo alumnado para o curso 2026/27. Segundo trasladou o propio centro, o prazo oficial para presentar solicitudes estará aberto do 1 ao 20 de marzo de 2026 e, como paso previo, ofrecerá varias sesións de portas abertas para que as familias coñezan as instalacións e o proxecto educativo.
As visitas poderán realizarse en tres datas, con cita previa: o venres 20 de febreiro, de 16.00 a 17.00 h; o martes 24 de febreiro, de 11.10 a 12.50 h (con asistencia a unha sesión lectiva e posterior percorrido polo colexio); e o venres 27 de febreiro, de 16.00 a 17.00 h. Para reservar, o centro facilita contacto telefónico e correo electrónico.
O Bragade presenta a súa proposta como un colexio 'innovador' e con aposta pola mellora continua, con programas como E-Dixgal e o Espazo Abalar, ademais dun perfil plurilingüe que inclúe materias en inglés en Primaria e iniciativas como o laboratorio de idiomas. No eido cultural, promove proxectos como a Orquestra do Bragade e participa en experiencias educativas vinculadas á música e ás artes, como LOVA, en colaboración con entidades formativas.
O centro subliña tamén o seu enfoque 'inclusivo, respectuoso e participativo', coa intención de reforzar a convivencia e a coordinación coa comunidade educativa, e destaca a súa contorna rural como un valor engadido para fomentar hábitos saudables e sostibles. Entre as instalacións, conta con pavillón polideportivo cuberto, salón de actos, biblioteca, comedor con cociña e espazos específicos para Infantil, ademais de aulas de apoio e de aprendizaxe de idiomas.