O CEIP O Graxal estreará o seu pavillón cun campamento de Nadal para nenas e nenos de 3 a 12 anos

ACoruñaXa
ANPA Mencer e Artístika Movemento organizan do 22 de decembro ao 2 de xaneiro un programa con xogos, danza, deporte, música, arte e comedor opcional no colexio de Cambre
A CORUÑA campamento nadal ceip mencer
27 Nov 2025

A ANPA Mencer do CEIP O Graxal, en Cambre, vén de abrir o prazo para o seu campamento de Nadal, unha proposta de lecer e conciliación familiar que se desenvolverá no pavillón do centro escolar grazas á colaboración coa escola de artes escénicas Artístika Movemento. As actividades están dirixidas a rapazada de entre 3 e 12 anos e combinarán xogos, deporte, danza, música e arte nun ambiente festivo.

O campamento terá lugar do 22 de decembro ao 2 de xaneiro, en horario de 9.00 a 14.00 horas, nos días 22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro e o 2 de xaneiro, xa que se exclúen as xornadas festivas. Cada mañá comezará cunha benvida, seguirá con xogos cooperativos ou gymkanas, unha pausa para o almorzo e diferentes obradoiros temáticos de Nadal, dende manualidades a contacontos, karaoke, cine de Nadal ou pequenas coreografías, con xornadas especiais como ‘A benvida do Nadal’, ‘Fábrica de elfos’ ou ‘Gala de inverno’.

O programa inclúe ademais un servizo de comedor xestionado por Jardanai, a mesma empresa que fornece os menús do colexio, con opcións adaptadas ás crianzas con alerxias ou intolerancias, que deberán ser indicadas no momento da inscrición. Segundo o cartel divulgativo, o campamento completo ten un custo de 110 euros, a modalidade de 4 días queda en 60 euros e tamén existe a posibilidade de asistir días soltos por 15 euros, cun suplemento de 8 euros no caso de utilizar o comedor. As familias que non sexan socias da ANPA aboarán 5 euros adicionais en concepto de gastos de xestión.

A organización destaca que se trata dun espazo seguro, no que os grupos estarán sempre acompañados polos seus monitores de referencia, formados en primeiros auxilios. Establécense normas de convivencia, obriga de respectar ao resto de participantes e ao persoal, coidar as instalacións e evitar condutas agresivas, así como a prohibición de levar obxectos perigosos ou dispositivos electrónicos. Recoméndase acudir con roupa cómoda, mochila pequena, botella de auga reutilizable, unha muda e roupa de abrigo, e recórdase que os nenos e nenas só poderán ser recollidos por persoas previamente autorizadas.

As familias interesadas poden obter máis información e formalizar a inscrición a través dos teléfonos 604 958 216 (Artístika Movemento) e 676 689 050 (ANPA Mencer) ou ben escribindo aos correos direccion@artistikamovemento.es e apa_mencer@yahoo.es. Desde a ANPA sinalan que agardan que esta iniciativa facilite a conciliación durante as vacacións e que os nenos e nenas gocen dun Nadal cheo de xogo e convivencia no barrio do Graxal.

⚙ Configurar cookies
0.10048794746399