O CEIP Gonzalo Torrente Ballester, en Cambre, mobilízase e esixe máis recursos para atender as súas necesidades educativas especiais

A comunidade educativa do CEIP Gonzalo Torrente Ballester lanza un SOS ante a Xunta. A Asociación de Familias do Alumnado (AFA) do colexio de Sigrás ven de convocar á prensa e á veciñanza a unha concentración o próximo mércores 26 de novembro ás 14:15 horas nas inmediacións do centro. O obxectivo é facer pública a súa situación de precariedade na atención ao alumnado con diversidade funcional.
As familias sinalan directamente á Consellería de Educación pola insuficiencia de dotación de persoal especializado, o que supón, segundo denuncian, un incumprimento do principio de equidade educativa recollido tanto na LOMLOE como na Carta Europea dos Dereitos do Neno de 1992.
Actualmente, o colexio atende as súas necesidades con tan só un Pedagogo Terapéutico (PT), medio especialista de Audición e Linguaxe (AL), medio orientador e unha única coidadora. Esta dotación é considerada 'claramente insuficiente' para facer fronte ás necesidades reais de todo o alumnado.
Según indican, a problemática non é nova. A comunidade educativa leva meses demandando a revisión do cadro de persoal e a asignación completa de prazas de Orientación, PT, AL e máis persoal de apoio. Para poñer rostro á urxencia, a AFA cita o caso de Paulo como un exemplo das consecuencias directas da falta de recursos.
A súa reivindicación conta cun respaldo social masivo. O centro, que acolle a unhas 190 persoas entre estudantes e docentes, conseguiu reunir preto de 2.000 sinaturas que avalan a demanda de máis profesionais.
A pesar das reiteradas solicitudes, as familias atopáronse cunha negativa por parte da Administración. Segundo trasladaron, o propio inspector da Xunta confirmoulles que 'non ían ler ningunha solicitude porque están cumprindo a lei', evidenciando, segundo a AFA, que 'a lei debe adaptarse ás necesidades reais dos colexios'.