O CD Hydra leva o bádminton de Teixeiro ao Campionato de España sub 13 en Cartaxena

ACoruñaXa
Álvaro e Darío superan a fase de grupos e rematan novenos en dobres nun torneo con máis de 150 promesas do bádminton estatal
CURTIS hydra cartagena
9 Dec 2025

O bádminton de base do Concello de Curtis volveu ter presenza no panorama estatal. Os xogadores sub 13 do CD Hydra, Álvaro e Darío, participaron esta fin de semana no Campionato de España sub 13 'Se busca campión', disputado no Palacio dos Deportes de Cartaxena entre o 5 e o 7 de decembro. A cita, organizada pola Federación Española de Bádminton, reuniu a máis de 150 volantistas de todo o país, convertendo a cidade murciana no epicentro do bádminton base durante tres días.

Os dous representantes do club de Teixeiro superaron a fase de grupos resolvendo con solvencia os seus primeiros partidos, demostrando que poden competir de ti a ti con rivais afeitos a escenarios de máximo nivel. Xa nas eliminatorias, toparon con cabezas de serie de gran potencial, ante os que acabaron caendo fóra da loita polos postos de honra.

A mellor noticia chegou na modalidade de dobres, na que Álvaro e Darío asinaron unha destacada novena posición no ránking estatal da categoría. Un resultado que o club considera moi meritorio, tendo en conta a enorme esixencia dun campionato no que se xogan os últimos títulos nacionais da tempada sub 13.

Desde o CD Hydra sublíñase que a fazaña dos mozos cobra aínda máis valor se se comparan as condicións de preparación. Por unha banda, as horas semanais de adestramento das que dispoñen os deportistas de Teixeiro son menores que as doutros clubs con estruturas máis profesionalizadas. Por outra, moitos dos seus rivais chegan a estes campionatos cun plus de experiencia grazas ás concentracións das seleccións autonómicas, onde adestran con técnicos internacionais dentro dos programas impulsados pola federación española.

A participación en Cartaxena é un paso máis na progresión dun club que xa vén de brillar esta mesma tempada no Campionato Galego sub 13, celebrado en Ponteareas, onde o CD Hydra sumou dous ouros e tres bronces e asegurou así a clasificación para o Estatal.

⚙ Configurar cookies
0.077863216400146