O CB Culleredo converterá os seus partidos do 21 e 22 de febreiro en encontros solidarios contra o cancro infantil

O Club Baloncesto Culleredo participará un ano máis na iniciativa ‘Canastas contra o cancro infantil’ e transformará os partidos da fin de semana do 21 e 22 de febreiro nunha xornada solidaria coa que se pretende recadar fondos para a investigación oncolóxica pediátrica.
A campaña, impulsada pola Fundación Unoentrecienmil, propón un reto sinxelo: converter un partido de febreiro nun partido solidario e ligar a recadación aos puntos anotados, co obxectivo de apoiar a cura do cancro infantil.
Segundo explica a entidade promotora, os fondos destínanse á Aceleradora Unoentrecienmil, unha liña de investigación que analiza como a práctica de exercicio físico durante o tratamento pode contribuír á recuperación de nenos e nenas con cancro.
Desde o club, a mensaxe difundida nas redes sociais insiste en que se trata dunha acción que ‘vai moito máis alá do baloncesto’ e agradece a implicación de equipos e familias, apelando á solidariedade coa idea de que ‘cada canastra tamén conta’. A convocatoria en Culleredo conta, ademais, con respaldo institucional e de entidades colaboradoras recollidas no cartel da iniciativa.