O Castelo de San Antón celebrará o Día do Patrimonio Mundial cunha xornada de portas abertas

ACoruñaXa
O sábado 16 de novembro haberá visitas guiadas e obradoiros musicais no Museo Arqueolóxico, con prazas limitadas
Castelo de San Antón na Coruña
5 Nov 2024

O Concello da Coruña ultima os preparativos para conmemorar o Día Mundial do Patrimonio cunha programación especial no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón o vindeiro sábado 16 de novembro. Esta xornada de portas abertas, que se desenvolverá entre as 10:00 e as 19:30 horas, incluirá actividades para todos os públicos, con visitas guiadas e talleres musicais que permiten descubrir a historia e o valor patrimonial do castelo e do museo.

As visitas guiadas, programadas para as 12:00 e as 17:00 horas, realizarán percorridos tanto polos espazos exteriores do castelo como polas salas do museo. Con estas actividades, o Goberno de Inés Rey busca achegar a historia e importancia dos materiais arqueolóxicos expostos, fundamentais para coñecer a evolución social e cultural da Coruña e Galicia. Cada visita terá unha duración de hora e cuarto e contará con 25 prazas por sesión.

Ademais, haberá dous talleres creativos para explorar a música da antigüidade. ‘Melodías da antigüidade’, orientado a nenas e nenos de 6 a 12 anos, terá lugar ás 11:45 horas; mentres que ‘Ondas sonoras’, un taller para adultos, realizarase ás 18:00 horas.

As persoas interesadas en participar nas visitas guiadas poderán reservar praza a partir de mañá, mércores 6 de novembro, chamando ao 981 189 850 entre as 10:00 e as 19:30 horas. Pola súa parte, as inscricións para os talleres musicais estarán dispoñibles na plataforma de ticketing do Concello. Todas as actividades son de balde e requiren inscrición previa.

0.15819501876831