O Campo da Leña acollerá o Serán de Son d’aquí, unha cita musical e solidaria contra o sarcoma

ACoruñaXa
Este tipo de cancro, que representa menos do 1 % dos tumores, pode afectar a persoas de todas as idades
seran-corunha
9 Jul 2025

A Coruña celebra os días 11, 12 e 13 de xullo unha nova edición do Serán de Son d’aquí, unha cita xa consolidada no calendario cultural da cidade que combina música, tradición e compromiso social. O evento, organizado pola asociación Son d’aquí co apoio do Concello da Coruña, terá lugar no Campo da Leña e contará este ano cunha dimensión solidaria da man de Asarga, entidade de apoio a pacientes con sarcoma.

A décima edición do Serán servirá como colofón ás actividades das escolas de Son d’aquí e busca tamén tecer unha rede de apoio na loita contra este tipo de cancro, pouco coñecido e con recursos limitados. “Desde o Goberno de Inés Rey promovemos sempre as iniciativas das asociacións de cultura galega da cidade, que apostan por levar ás rúas a súa actividade e amosar o gran potencial que teñen os seus alumnos e alumnas”, afirmou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Nereida Canosa, destacou que “as iniciativas culturais teñan un carácter solidario e apoien propostas que xorden dos nosos barrios e teñen por obxectivo un maior grao de coñecemento e de investigación sobre enfermidades como esta”.

Música, baile e actividades para todos os públicos

O programa comeza o venres 11 ás 20.30 horas cunha noite de concertos que incluirá as actuacións das Cantareiras de Son d’aquí, As Pías, Tiruleque e Sheila Patricia. O sábado, a festa continúa pola mañá, desde as 11.00 horas, coa presentación das escolas e escoliñas de Son d’aquí, que ofrecerán pezas de baile, gaita, pandeireta, percusión e zanfona. A sesión vermú estará protagonizada por As Tareixas.

Xa pola tarde, ás 17.30, celebrarase a Foliadiña Infantil, centrada nos máis pequenos, e ás 19.00 Asarga organizará un bingo solidario con premios doados polo Real Club Deportivo da Coruña. Ás 19.30 haberá un obradoiro de baile tradicional, e desde as 20.00 o Campo da Leña converterase nun auténtico torreiro coas actuacións de A Meda, No Cómbaro, Xirandela, Donaire, Xebre, Alxibeira, Barallocas, Os da Fonte da Picachá, Xacarandaina e varias agrupacións de Son d’aquí.

Durante as xornadas do venres e sábado haberá postos informativos, venda de merchandising e rifas para sorteos de produtos artesáns. Tamén se poderá mercar a camiseta conmemorativa de Asarga, cuxa recadación, xunto coa do bingo, destinarase integramente a proxectos de apoio a pacientes con sarcoma.

O domingo 13, socios e socias de Son d’aquí despedirán o Serán cun xantar colectivo no propio Campo da Leña.

A loita contra unha enfermidade invisibilizada

Asarga, Asociación de Sarcomas Grupo Asistencial, naceu con vocación autonómica e consolidouse como unha entidade de referencia no Estado no acompañamento a pacientes con sarcoma. Este tipo de cancro, que representa menos do 1 % dos tumores, pode afectar a persoas de todas as idades e segue a ser unha enfermidade descoñecida e con escasa visibilidade. Grazas ao labor da asociación, A Coruña ocupa hoxe un lugar destacado na loita contra esta patoloxía.

 

⚙ Configurar cookies
0.18661904335022