O Campo da Festa de Arteixo acolle unha nova edición do Día da Muiñeira

Arteixo acollerá, este domingo 10 de maio, a 37ª edición do Día da Muiñeira, unha cita xa emblemática no calendario cultural galego organizada pola Asociación Xuvenil Xiradela. Este ano, o evento trasládase ao Campo da Festa para garantir a súa celebración ante as previsións de chuvia, mantendo así viva unha tradición que se remonta a 1987.
A partir das 18.00 horas, arredor de 300 bailadoras e bailadores reuniranse para interpretar conxuntamente a peza escollida para esta ocasión: a “Muiñeira dos freires”. Será executada ata en tres ocasións polos 28 grupos participantes, cunha adaptación que contará con catro puntos e cinco voltas. Entre cada pase, haberá pequenos descansos para permitir o reaxuste dos grupos.
Esta nova edición contará coa participación de nove agrupacións de diferentes puntos da provincia. Dende A Coruña, achegaranse o Colexio Sagrado Corazón Franciscanas con tres grupos e a Asociación Cultural Xacarandaina con cinco. A Laracha estará representada pola Asociación Cultural Santa María de Torás con dous grupos, mentres que desde Malpica acudirá a Asociación Cultural e Deportiva Carcaxía con un grupo. A Asociación Cultural Nemeth de Carballo participará con seis grupos, e dende Oleiros chegará a Asociación Cultural A Marola de Mera con tres. A Asociación Cultural Trubisquiña, de Vimianzo, tamén se sumará ao encontro cun grupo, igual que a Asociación Cultural Recreativa e Deportiva O Castro de Miño, que participará con catro. Por suposto, a anfitrioa Asociación Xuvenil Xiradela terá presenza con tres grupos locais.
Segundo indicou Uxía Verdía, presidenta de Xiradela, o obxectivo principal da cita é “encher as rúas de baile e facer visible que o noso folclore, e en particular a muiñeira, segue vivo e conta co relevo das novas xeracións”. Trátase dunha tarde pensada para o desfrute colectivo, onde a música tradicional, a danza e o sentimento de comunidade se xuntan para reivindicar a vixencia da cultura galega.
Ao remate do acto, cada unha das agrupacións recibirá un detalle conmemorativo pola súa participación e repartirase unha merenda entre os bailadores e bailadoras. A festa da muiñeira está servida, e Arteixo prepárase para vivir unha nova tarde de tradición, baile e identidade.