O Campionato de España de Seleccións Autonómicas sub-14 e sub-16 masculino en A Coruña

A Coruña converterase na sede principal do Campionato de España de Seleccións Autonómicas sub-14 e sub-16 masculino entre este venres 7 e o domingo 9 de febreiro. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, recibiu esta mañá a Pablo Prieto, novo
presidente da Federación Galega de Fútbol, que estivo acompañado de Juan Luis Villamisar, vicepresidente da FGF.
O campionato reunirá a máis de 1.000 persoas entre xogadores, técnicos, árbitros e voluntarios. Este xoves comezará a chegada dos diferentes equipos autonómicos á cidade.
“Este campionato, ademais da súa importancia a nivel competitivo, suporá un grande impacto económico para a cidade polo gran desprazamento de persoas durante a fin de semana”, indicou Manuel Vázquez. Segundo as estimacións da RFEF, máis de 3.000 persoas visitarán A Coruña con motivo deste campionato, contando a familiares e representantes de clubs de todo o país.
“Desde o Goberno de Inés Rey seguimos traballando para que a nosa cidade acolla grandes
eventos nacionais a nivel deportivo, grazas a unha extensa e coidada rede de infraestruturas
que non para de medrar e mellorar”, sinalou Manuel Vázquez. Do venres ao domingo
disputaranse as tres xornadas da fase de clasificación deste torneo, nas categorías Ouro e
Prata. O principal escenario será a Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias, mais tamén se disputarán partidos en campos de fútbol de concellos da área de influencia coruñesa, como Arteixo, A Laracha, Culleredo ou Miño.
No campionato participarán, nas distintas categorías e niveis, as seleccións autonómicas de
Andalucía, Cataluña, Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana, País Vasco, Castela e León, Navarra, Aragón, Extremadura, Illas Baleares, Illas Canarias, Castela A Mancha,
Melilla, Rexión de Murcia, A Rioxa, Ceuta, Asturias, Galicia e Cantabria. Accederán á fase
final os primeiros clasificados de cada grupo e categoría. Os encontros desenvolveranse entre o venres ás 9.30 e o domingo ás 13.30 horas.