O Campamento de Nadal ‘A Misión da Garda do Nadal’ abre 120 prazas de conciliación familiar en Culleredo


O Concello de Culleredo confirma o seu compromiso coa conciliación familiar e anuncia a posta en marcha dunha nova edición do seu campamento de Nadal. Baixo o título 'A Misión da Garda do Nadal', esta iniciativa de ocio educativo busca dar cobertura ás familias durante o período de vacacións escolares.
A proposta, impulsada pola área de Cultura, Educación, Deportes e Participación Cidadá, está deseñada para rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos matriculados en Educación Infantil ou Primaria.
O campamento terá lugar no CEIP Vila de Rutis e desenvolverase en dez xornadas clave das festas: os días 22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro, ademais do 2, 5 e 7 de xaneiro. O horario principal será de 9:00 a 14:00 horas, pero pensando na flexibilidade das familias, ofreceranse servizos complementarios de almorzo (de 7:30 a 9:00 horas) e de xantar (de 14:00 a 16:00 horas).
Este ano, a resposta á alta demanda tradúcese nun incremento no número de prazas, que ascenden a 120. Terán prioridade os residentes en Culleredo que xustifiquen a súa necesidade de conciliación.
O período de preinscrición comezará o vindeiro luns, 24 de novembro, ás 9:00 horas e estará activo ata o 28 de novembro ás 14:00 horas. A relación de participantes seleccionados publicarase o 3 de decembro. Toda a documentación e o formulario de preinscrición están dispoñibles na páxina web oficial do programa.
A primeira tenente de alcalde e concelleira de Participación Cidadá e Deportes, Cristina Pardo, subliñou o valor desta iniciativa: 'Os campamentos de conciliación non paran de medrar en Culleredo, o que demostra que se trata dun servizo fundamental para permitir unha mellor conciliación das familias do noso municipio'. A edil engadiu que o obxectivo non é só facilitar a conciliación, senón tamén ofrecerlles aos máis novos 'un espazo seguro, creativo e dinámico onde aprender e gozar durante as vacacións'.