O Camiño Inglés supera por primeira vez as 30.000 compostelas nun ano

ACoruñaXa
A ruta medra un 8% respecto de 2024 e triplica as cifras de hai unha década, consolidándose como un itinerario cada vez máis internacional
Camino-Inglés-Deputación-da-Coruña
9 Dec 2025

O Camiño Inglés vén de acadar un fito histórico: por primeira vez supera as 30.000 compostelas entregadas nun mesmo ano na Oficina de Acollida ao Peregrino. Este dato confirma o crecemento sostido da ruta, que aumentou un 8% respecto de 2024 e un 16% respecto de 2023, triplicando as cifras rexistradas hai dez anos.

Manuel Mirás, presidente de honra da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, celebrou estes resultados e lembrou que a entidade xurdiu “co obxectivo de que esta ruta deixara de ser unha vía de peregrinación moi pouco transitada para ser unha puxante e que cada vez atrae a máis camiñantes”.

O incremento é especialmente notable entre os peregrinos estranxeiros. Os viaxeiros procedentes dos Estados Unidos medraron un 36%, sendo a nacionalidade que máis aumenta. Tamén destacan Canadá (30% máis), Reino Unido (19%), Arxentina e República Checa, ambas cun incremento próximo ao 31%.

No caso dos peregrinos nacionais, todas as comunidades experimentan un crecemento arredor do 10%, cun pico destacado nos chegados desde as Illas Canarias, que aumentan un 30%. Para Mirás, estes datos son especialmente relevantes, xa que “aínda representan a meirande parte da xente que percorre este fermoso itinerario”.

A tendencia á internacionalización reforzouse en 2025. O número de persoas que iniciaron a ruta fóra de España segue en ascenso: medran un 58% os peregrinos que comezan nalgún dos tramos xa sinalizados no Reino Unido, mentres que os que parten dende Irlanda aumentan un 33% respecto ao ano anterior.

Mirás subliña que estes avances demostran que o labor de promoción levado a cabo pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración coa Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, “está a dar froitos”, xa que se triplicaron as compostelas emitidas desde 2015.

O presidente de honra lembrou tamén que a asociación se creou en 2016 (e foi recoñecida oficialmente como asociación xacobea en 2019) co propósito de transformar o Camiño Inglés nunha ruta “cada vez máis coñecida, dinámica e con proxección internacional, especialmente no Reino Unido e Irlanda”.

⚙ Configurar cookies
0.077269077301025