O calendario municipal de Paderne terá nova tiraxe tras detectarse erros na edición repartida polo Nadal

O Concello de Paderne comunicou que detectou varios erros tipográficos no calendario municipal que se distribuíu polo Nadal entre a veciñanza. O goberno local explica que, unha vez revisados os contidos, xa se procedeu á corrección dos fallos para evitar confusións e asegurar que a información do almanaque sexa a correcta.
Coas modificacións feitas, o Concello anuncia que realizará unha nova impresión do calendario e que volverá repartilo nos fogares do municipio nas vindeiras semanas. A administración local subliña que esta segunda entrega non suporá ningún custo adicional para a cidadanía.
Por último, dende o Concello piden desculpas polas molestias que puideron causar os erros da primeira edición e confían en que a nova versión, xa revisada, resulte útil no día a día.