O cadete feminino do Club Baloncesto Culleredo: campioas galegas e exemplo de superación

ACoruñaXa
Falamos cunha das protagonistas do equipo campión, co seu adestrador e co presidente desta entidade deportiva cullerdense
baloncesto-cull
11 May 2025

Por Amanda Fernández

O Club Baloncesto Culleredo celebra estes días un fito histórico para a súa canteira: o equipo cadete feminino proclamouse campión galego logo dunha tempada de traballo intenso, compromiso colectivo e moita ilusión. A vitoria chegou tras unha final moi disputada fronte ao Celta, cun último cuarto onde a defensa e a entrega fixeron a diferenza.

A xogadora Aroa Couselo Leivas, unha das integrantes máis destacadas do equipo, recoñece que os nervios estaban presentes antes da final, pero tamén a confianza acumulada por meses —e mesmo anos— de esforzo: explicaba que sabían que non tiñan nada que perder e que levaban moito tempo traballando para ese momento, non só nesta tempada, senón desde moito antes. Para ela, a clave estivo na constancia e na mentalidade do grupo, que en ningún momento baixou os brazos, mesmo cando o marcador se axustou perigosamente na segunda parte. “Nós deixamos de lado un pouco o marcador e seguimos loitando, fixemos unha moi boa defensa e roubamos algún balón que nos beneficiou”, resume.

A evolución do equipo ao longo da tempada foi notable, malia os obstáculos. O adestrador Luis Fraga destaca que o grupo tivo que recompoñerse despois da marcha de xogadoras clave e da incorporación de novas integrantes, moitas delas de primeiro ano. “Foi un traballo complicado: primeiro unilas, convertelas nun equipo, facer que todas remasen na mesma dirección. As de primeiro ano tiñan que facer un gran esforzo e as de segundo retrasar un pouco a súa progresión para acadar o equilibrio”, sinala.

Define ao seu equipo como “equipo” xa que considera que é unha palabra que implica todo e que conta cunhas rapazas cargadas de compromiso, esforozo e traballo. Un equipo que se divirte e o dá todo e ao que quere, de novo, dar os parabéns unha vez máis.

O camiño ata o final foi máis difícil do que pode parecer segundo recoñece Fraga. A primeira fase da liga sufriron unha derrota ante o Ensino de Lugo, que as relegou á segunda posición do grupo, pese a estar empatadas en victorias e derrotas. Non obstante, na segunda fase as xogadoras de Culleredo asinaron unha actuación impecable, con dez vitorias consecutivas que as levaron directamente á semifinal.

Alí superaron ao Basket Coruña, nun duelo moi intenso. A final contra o Celta foi o escenario ideal para demostrar todo o aprendido: intensidade, confianza e unión. Fraga, con experiencia en partidos decisivos, confesaba que foi unha das ocasións nas que estivo máis tranquilo no banco: vía ao equipo convencido, cunha defensa forte e cun fondo físico que lles permitiu manter o ritmo ata o final. “Tiña claro que iamos ter a nosa oportunidade e tiñamos que aproveitalo”, destaca o técnico.

A celebración do título foi a culminación perfecta para un grupo que leva dous anos loitando por este obxectivo. “Celebrámolo cunha ilusión tremenda, mollando todo, amigas, amigos, familiares… no pavillón, co equipo, con membros doutros equipos, coa directiva. Foi incrible”, contaba Aroa, emocionada ao lembrar unha xornada que xa forma parte da historia do club. Agora, todas as miradas están postas no Campionato de España, que se celebrará en Alxeciras a partir do 18 de maio. “Sabemos que hai equipos moi bos, pero imos con todo. Non temos nada que perder e só intentaremos gañar o máximo posible”, asegura con decisión.

Detrás deste éxito está tamén o traballo dun club que leva máis de dúas décadas apostando polo deporte base. O presidente do CB Culleredo, Miguel Couselo, lembra que a entidade naceu en 2003 da man do daquela alcalde, Julio SanCristán, Paco Botas e Mario Lado, cun pequeno grupo de rapaces da zona do Burgo. Co paso dos anos, a estrutura foi medrando ata acadar os 25 equipos actuais —masculinos e femininos— e preto de 280 licenzas federativas, 120 socios e socias e 100 rapaces e rapazas, protagonistas de actividades nas escolas e centros educativos.

Para Couselo, o principal logro do club vai máis aló dos títulos: “O principal logro é conseguir a masa social que temos hoxe, tanto en masculino como en feminino. Tentar igualar as dúas seccións e acadar os logros deportivos e persoais cos rapaces e rapazas que entran dende ben pequenos”. A nivel competitivo, destaca o histórico ascenso a Liga EBA en 2016, a consolidación na actual terceira FEB co equipo senior, e por suposto, os éxitos da canteira. O equipo cadete feminino que vén de gañar o título galego é o mesmo que xa conquistara as categorías mini e preinfantil, e que agora chega ao Campionato de España por terceiro ano consecutivo.

O impacto do club no municipio é palpable: arredor do 80 % dos xogadores e xogadoras proceden de Culleredo, e a colaboración co Concello é clave para o desenvolvemento do proxecto deportivo e social. “O atractivo do baloncesto cada vez é maior entre a mocidade do municipio”, apunta Couselo, quen xa pensa nos retos que veñen: fases de ascenso noutras categorías, finais locais, Copas, torneos 3x3 e a preparación da vindeira tempada, que comezará en agosto.

A historia recente do CB Culleredo é a dun club que medra, que aposta pola igualdade, pola formación e pola competición como camiño de aprendizaxe. E o éxito do equipo cadete feminino é a mellor proba de que o esforzo, cando é compartido, deixa pegada.

⚙ Configurar cookies
0.073870897293091