O C-Trail dos Bombeiros da Coruña volverá a Novo Mesoiro o 11 de abril coas inscricións abertas

ACoruñaXa
A XI edición inclúe un trail de 15 quilómetros e unha andaina familiar de 10, con 400 prazas e prazo para anotarse até o 8 de abril
A CORUÑA trail bombeiros
18 Feb 2026

Os montes de Novo Mesoiro acollerán o vindeiro 11 de abril a undécima edición do C-Trail organizado pola asociación do servizo municipal de Bombeiros da Coruña, unha proba que conta coa colaboración do Concello e que abre a tempada de carreiras de montaña na cidade cun formato xa consolidado.

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que se trata da única carreira destas características no termo municipal e destacou que é unha oportunidade para practicar deporte ao aire libre e coñecer mellor as paraxes naturais da Coruña.

O trail, de trazado circular e 15 quilómetros, partirá ás 18.00 horas desde a contorna do pavillón polideportivo municipal de Novo Mesoiro e discorrerá na súa maior parte por pistas, camiños e sendeiros próximos. A xornada complétase cunha andaina de 10 quilómetros pensada para favorecer a participación familiar.

As inscricións xa están abertas e poderán formalizarse até o 8 de abril (ou antes se se completan as 400 prazas dispoñíbeis). A cota é de 18 euros para o trail e a andaina de persoas adultas, e de 12 euros para a andaina de menores.

As persoas participantes recibirán dorsal e bolsa do corredor/a con agasallo conmemorativo, e contarán con avituallamento e seguros. En canto á seguridade, será obrigatorio levar o dorsal visible e un vaso ou sistema de hidratación (non haberá vasos nos avituallamentos), e recoméndase roupa e calzado de montaña, lanterna frontal e teléfono móbil.

⚙ Configurar cookies
0.084481954574585