O bus de doazón de sangue fará parada en Irixoa o 3 de marzo

Irixoa contará o martes 3 de marzo de 2026 cunha nova xornada de doazón de sangue coa chegada da unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). O autobús situarase ao carón do cuartel da Garda Civil, no Campo de servizos múltiples da Airavella, en horario de 16.15 a 18.30 horas.
Dende a organización lembran algunhas recomendacións básicas para acudir a doar: é conveniente almorzar e, despois de xantar, agardar dúas horas; tamén se pide levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar e informar ao persoal médico no caso de estar a tomar algún medicamento. Así mesmo, aconséllase non facer unha comida copiosa antes de pasar pola unidade.
A doazón está dirixida, en xeral, a persoas maiores de 18 anos e con máis de 50 quilos de peso. Para máis información, ADOS habilita o teléfono gratuíto 900 100 828.