O Burgo acolle a presentación do poemario ‘Al compás de los latidos’ de Mónica Fernández Montes

A Sala de Vídeo do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo será este xoves, 31 de xullo, o escenario da presentación do poemario ‘Al compás de los latidos’, da autora Mónica Fernández Montes, unha escritora cunha fonda ligazón co Concello de Culleredo.
O acto dará comezo ás 19.30 horas e contará con entrada libre e de balde ata completar o aforo dispoñible. A propia autora participará no evento, acompañada polos tamén escritores Tálamo (‘Ecos Esferoides’) e Jesús Regueira (‘Los reflejos de la verdad’), igualmente vencellados a Culleredo.
A obra, ‘Al compás de los latidos’, preséntase como un traballo de poesía lírica “creada con gran pasión desde unha visión de extrema sensibilidade e profundidade ante a experiencia da vida, exprimindo gota a gota a pureza do ser humano”. Unha proposta literaria que convida á reflexión íntima e á emoción, a través dun coidado uso da linguaxe poética.