O BOP publica as bases de sete premios culturais da Deputación da Coruña para 2026, cun total de 95.000 euros

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) recolle esta semana as bases de sete premios culturais convocados pola Deputación da Coruña para o ano 2026, cunha dotación global de 95.000 euros. As convocatorias inclúen certames de artesanía, cinema en galego, banda deseñada e distintas modalidades literarias, tanto en lingua galega como en castelá. Segundo figura nas bases, todas abrirán o prazo de presentación o 10 de febreiro e pecharano o 10 de abril.
No ámbito da artesanía, a Deputación lanza a 16.ª edición do Premio Antonio Fraguas, dirixido a persoas artesás e colectivos maiores de idade nacidos ou residentes en Galicia. O certame contempla dúas modalidades (artesanía tradicional e contemporánea) e outorga 6.500 euros en cada unha.
A creación audiovisual en galego contará coa segunda edición do Premio José Gil, que inclúe tres modalidades: guión de longametraxe de ficción, guión de longametraxe documental e traxectoria ou iniciativa de especial relevancia no eido do cinema en versión orixinal galega. Cada categoría está dotada con 6.500 euros.
A banda deseñada terá o seu espazo coa 21.ª edición do Premio Castelao, para obras inéditas en lingua galega presentadas por persoas autoras maiores de idade. O premio distribúese en dúas modalidades (xeral e infantil e xuvenil) cun total de 13.000 euros, a razón de dous galardóns de 6.500 euros.
Na creación poética, o BOP publica tamén as bases do Premio Miguel González Garcés, de carácter bienal, con premio único de 6.500 euros para obras inéditas non premiadas con anterioridade. A literatura infantil e xuvenil chega da man do Premio Raíña Lupa, que alcanza a súa 20.ª edición e ofrece dúas modalidades (infantil e xuvenil) cunha dotación total de 13.000 euros, repartidos igualmente en dous premios de 6.500 euros.
Pechan o bloque de novidades as dúas convocatorias do Premio Torrente Ballester de narrativa, na súa 38.ª edición: unha en castelán e outra en galego. Ambos certames comparten carácter internacional e contemplan un premio de 15.000 euros para a obra gañadora en cada idioma, sempre para textos inéditos e non premiados con anterioridade.
A Deputación lembra, ademais, que a comezos de decembro xa se publicaran no BOP as bases doutros tres certames culturais: o Premio Luís Seoane de deseño, o Premio Internacional Luís Ksado de creación fotográfica e o Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica, todos eles dotados con 6.500 euros no seu galardón principal.