O Bono Peixe chega á Coruña para dinamizar o consumo con 64 establecementos adheridos

ACoruñaXa
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou a peixería Tania Pose, no barrio dos Mallos
bono-peixe-corunha
31 Jul 2025

A Coruña xa forma parte do mapa do Bono Peixe, unha nova iniciativa da Xunta de Galicia destinada a incentivar a compra de peixe e marisco fresco e reforzar o pequeno comercio. A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou a peixería Tania Pose, no barrio dos Mallos, acompañada pola presidenta da Asociación de Comerciantes Distrito Os Mallos, Alba Balsa, para animar tanto á veciñanza como aos negocios a sumarse ao programa.

Durante a visita, Do Campo destacou que o Bono Peixe é unha oportunidade para “aforrar nas compras e acceder a produtos mariños de alta calidade”, ao tempo que se impulsa a economía local. “Falamos de peixe e marisco, que son sinónimo de frescura, de sostibilidade e de identidade”, afirmou.

Este programa, pioneiro a nivel estatal, conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e prevé chegar a 50.000 usuarios en toda Galicia, xerando un impacto económico estimado de 10 millóns de euros. Ata o momento, xa se descargaron 94.742 bonos, dos cales máis de 41.500 corresponden á provincia da Coruña.

Na cidade herculina, hai xa 64 establecementos adheridos, dentro dos 279 negocios da provincia e 702 de toda Galicia. Segundo explicou a delegada, nesta primeira quenda, dos 250.000 euros dispoñibles xa se aplicaron descontos por valor de 40.464 euros, que se traduciron en vendas por máis de 214.000 euros.

O Bono Peixe permite un desconto do 25 % nas compras de peixe e marisco fresco, cun máximo de 5 euros por semana e unha duración total de 10 semanas. A medida súmase a outras campañas da Xunta como Galicia Sabe Amar e accións promocionais en feiras, eventos culturais e deportivos.

Do Campo fixo fincapé na importancia de apoiar un sector estratéxico para Galicia, como é a cadea mar-industria, que representa o 5 % do PIB galego, con 11.600 millóns de euros de facturación anual e arredor de 50.000 empregos directos.

Ademais do impacto económico, a delegada destacou o valor saudable da medida: “Os produtos do mar teñen propiedades nutricionais excepcionais e o seu consumo axuda a previr enfermidades. Ademais, son unha fonte de proteína de alta calidade cunha baixa pegada de carbono, polo que tamén coidan do planeta”.

A Xunta anima tanto a consumidores como a pescaderías a participar neste programa, que busca reverter a caída no consumo de produtos pesqueiros e recoñecer o papel esencial dos comercios de proximidade. “As peixerías non só ofrecen produto fresco, senón tamén coñecemento e trato próximo. Esta campaña é unha oportunidade para recoñecer ese labor e apoiar a economía local”, concluíu Do Campo.

⚙ Configurar cookies
0.14499187469482