O BOE declara A Coruña zona de mercado residencial tensionado, recoñecemento pioneiro en Galicia

O Boletín Oficial do Estado publicou a resolución do 30 de maio de 2025 pola que, a solicitude do Concello, se declara o municipio da Coruña como zona de mercado residencial tensionado. Trátase dun recoñecemento pioneiro en Galicia, que busca actuar sobre a problemática do acceso á vivenda na cidade.
Con todo, o Grupo Popular da Coruña amosou o seu rexeitamento a esta medida e ao plan de barrios anunciado pola alcaldesa, Inés Rey. Desde o PP cualifican a proposta como "un brindis ao sol máis", que sumará un novo incumprimento á longa lista que, aseguran, os veciños e a oposición xa coñecen. Segundo sinalan, “a zona tensionada, cuxa declaración publica hoxe o BOE, non solucionará o problema da vivenda porque onde está implantada é un fracaso absoluto”.
Os populares lembran que, segundo unha enquisa recente, "os coruñeses non se fían da alcaldesa", e que "a credibilidade de Inés Rey está cuestionada tras deixar sen executar 417 millóns de euros para investimentos nos barrios ata mediados de 2025". Critican tamén a falta de diálogo previo coa veciñanza e o que describen como a inclusión no plan de barrios de proxectos xa en marcha ou pendentes desde hai anos, como a reforma do mercado de Monte Alto ou o centro de saúde de Santa Lucía.
Sobre a zona tensionada, o PP advirte que "é unha medida populista que non ataca a raíz do problema e que, ao retirar vivenda do mercado, provocará unha oferta máis baixa e prezos máis altos". Apuntan ao exemplo de Barcelona, onde a implantación desta medida incrementou os prezos máis baixos de alugueiro e reduciu a oferta en máis dun 20 %.
A formación sinala que na Coruña existen unhas 30.000 vivendas baleiras, e que non se están adoptando medidas para poñelas a disposición do mercado. Tamén apuntan que a lei estatal de vivenda xera "inseguridade xurídica ao arrendador", o que desincentiva o alugueiro. Ademais, destacan que o 97 % das vivendas en alugueiro pertencen a pequenos propietarios, non a grandes tenedores, polo que as medidas afectarán principalmente a estes últimos.