'O bo trato vese': unha exposición en Arteixo que dignifica a vellez e homenaxea os coidados

O Centro Residencial de Arteixo sumouse á conmemoración do Día Mundial de Toma de Conciencia do Abuso e Maltrato na Vellez, celebrado o pasado 15 de xuño, cunha iniciativa que pon no centro o respecto e a dignidade das persoas maiores. Este domingo presentouse a exposición 'O bo trato vese', unha mostra fotográfica que propón unha ollada positiva, humanizadora e transformadora sobre o envellecemento.
A través de imaxes cargadas de emoción e significado, a exposición busca facer visible o valor das persoas maiores e a importancia de promover o bo trato como ferramenta de cambio social, afectivo e institucional. Un convite, en palabras da organización, a “substituír prexuízos e paternalismos por vínculos baseados no respecto, na igualdade e na dignidade”. Trátase, en definitiva, de mirar a vellez dende outra perspectiva: como fonte de sabedoría, memoria, tenrura e unha forza viva que segue contribuíndo activamente á comunidade.
A mostra tamén serve como recoñecemento ao traballo fundamental das e dos profesionais do ámbito dos coidados e a xeriatría. “'O bo trato vese' rende homenaxe a quen, día a día, desempeñan un labor comprometido e respectuoso, apostando por contornas libres de violencia, onde predominen a proximidade, a escoita e a calidez humana.
Con esta iniciativa, o Centro Residencial de Arteixo reafirma o seu compromiso coa dignificación da vellez e coa construción dunha sociedade máis xusta, empática e coidadora.