O BNG urxe solucións á Xunta por inseguridade na liña de autobús a Betanzos usada polo alumnado de Miño

O BNG de Miño esixe á Xunta de Galiza actuacións inmediatas para corrixir as deficiencias de seguridade na liña de autobús a Betanzos empregada polo alumnado do municipio. Nas últimas semanas o grupo recibiu fotografías e vídeos onde se aprecia a mozas e mozos viaxando de pé ou sentados nas escaleiras do autocar por falta de prazas, unha situación que cualifican de “falta de seguridade absoluta” e que, lembran, xa fora denunciada en cursos anteriores.
O portavoz municipal, Alberte G. Nicolás, sostén que as eivas no transporte escolar impactan directamente na calidade educativa e engade que en Miño persisten carencias estruturais e de persoal no CPI Castro Baxoi. Para o BNG, ambos problemas son “dúas caras da mesma moeda” e obrigarán a abrir o debate sobre a necesidade dun IES en Miño. As nacionalistas sinalan, ademais, que o marco actual de garantías de transporte —limitado ás etapas obrigatorias e con restricións por distancia— deixa fóra a parte do estudantado de Bacharelato e FP, que acaba dependendo de vehículo privado ou de liñas regulares incapaces de absorber a demanda. O BNG comprométese a “facer todo o posíbel” para arranxar a situación xunto coas familias afectadas.