O BNG urxe ao Concello de Culleredo a licitar xa a reforma do pavillón de Tarrío para iniciar a obra no parón de verán

O BNG de Culleredo reclama ao Goberno municipal que active 'canto antes' os trámites administrativos para reformar o pavillón de Tarrío, co obxectivo de que as obras poidan arrancar en canto rematen as competicións, previstas nun prazo aproximado de cinco meses. A formación insiste en que a intervención debe planificarse para interferir o mínimo posible no inicio da seguinte tempada deportiva.
Segundo trasladou o grupo nacionalista, o Concello conta xa cos fondos necesarios e asegura dispoñer do proxecto, polo que considera “inaplazable” iniciar a licitación e a posterior adxudicación para chegar ao verán coa empresa preparada para comezar os traballos 'ipso facto'.
O voceiro do BNG, Tono Chouciño, sostén que 'o Goberno ten os fondos, froito do modificativo de crédito que aprobamos, e di ter o proxecto', e entende que non hai razón para atrasar o procedemento.
A reforma do polideportivo de Tarrío leva anos no foco do debate municipal. En 2024, o Concello indicou que ía retomar a reforma integral tras actualizar os prezos, elevando o orzamento de licitación a 895.478,66 euros para unha primeira fase financiada polo Plan Único da Deputación. Ese proxecto inclúe, entre outras actuacións, a substitución da cuberta, melloras de accesibilidade con ramplas e ascensor, e a posta a punto de espazos interiores como aseos, enfermaría e zona de recepción.
Nos últimos meses, diferentes grupos da oposición e entidades usuarias veñen alertando do deterioro das instalacións, con referencias a pingueiras, humidades e danos no parqué, entre outras deficiencias.