O BNG urxe á Xunta a actuar ante o abandono dos murais de Lugrís na rúa Olmos da Coruña

GaliciaXa | ACoruñaXa
Mercedes Queixas propón no Parlamento a creación do Espazo Lugrís coa compra do baixo e conservación in situ
Mercedes Queixas do BNG
30 Apr 2025

A Coruña volve situarse no epicentro do debate sobre o patrimonio artístico galego. A deputada coruñesa do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Mercedes Queixas, interveu esta semana na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia para reiterar a preocupación polo estado dos 12 murais de Urbano Lugrís situados no baixo dun edificio da rúa Olmos. "A chuvia é unha ameaza constante para estas obras", advertiu, sinalando que cada novo episodio de precipitación supón un perigo de "perda irreparábel" para este legado artístico único.

A parlamentaria lembrou que, a pesar das advertencias formuladas polo BNG nas últimas lexislaturas, "a situación segue sen resolverse de forma definitiva", e subliñou a necesidade de actuar antes de que o deterioro sexa irreversible.

A proposta defendida polo Bloque —e que foi aprobada por unanimidade na comisión— aposta por unha solución integral baseada no diálogo entre todas as partes implicadas. Queixas defendeu a protección in situ dos murais, ao considerar que "desarraigar os murais do seu contexto, como ocorreu co mural do Café Vecchio, destrúe o seu valor histórico e artístico".

O plan pasa pola creación dunha mesa de diálogo co propietario do inmoble (que xa expresou a súa vontade de colaborar), coa Deputación da Coruña e co Concello da cidade, que conta cun acordo plenario favorable para adquirir o baixo da rúa Olmos. O obxectivo: crear o "Espazo Lugrís", un centro cultural que garanta a conservación e divulgación da obra no seu emprazamento orixinal.

Queixas tamén repasou os antecedentes do caso: lembrou que a Xunta incoou o expediente para declarar os murais como Ben de Interese Cultural (BIC) tras a presión do BNG e das mobilizacións cidadás promovidas por colectivos como a Asociación O Mural e In Nave Civitas. Con todo, criticou que "unha declaración BIC sen efecto práctico", sumada á "degradación acelerada pola humidade" e á "propiedade dividida" entre Xunta e promotora, ten deixado os murais nunha situación de risco evidente.

A deputada nacionalista tamén se referiu á recente adquisición dos murais por parte da Consellería de Cultura nun proceso xudicial, ao tempo que outra promotora mercou o edificio. A este respecto, advertiu que "a Xunta é dona dos murais, mais non das paredes que os sosteñen", e cualificou de desacertada a proposta do conselleiro de trasladalos ao Museo de Belas Artes. Lembrou que esa opción foi rexeitada por informes técnicos do Concello da Coruña, da Universidade Politécnica de Valencia e de expertos en patrimonio, que apostan pola súa conservación in situ.

"A Xunta, como titular dos murais e responsable do BIC, ten a obriga de actuar xa", concluíu Queixas, reclamando "feitos, non promesas" para evitar a desaparición dunha das xoias culturais da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.15602397918701