O BNG traslada que o Estado se desentende da restauración do mural da praia de Santa Cristina

ACoruñaXa
O goberno central indica que a restauración da obra '27 arroaces e unha estrela' é competencia do Concello de Oleiros
mural-oleiros-bng
14 Feb 2025

O BNG de Oleiros informa de que o goberno estatal desenténdese da restauración urxente do mural '27 arroaces e unha estrela', unha obra de Tono Correa Corredoira situada no paseo marítimo de Santa Cristina. A pesar de ser un encargo da Demarcación de Costas en 1992, o Estado argumenta que a súa conservación é competencia exclusiva do Concello de Oleiros, equiparando a obra ao mobiliario urbano.

Desde o BNG de Oleiros critican esta postura e demandan que ambas administracións, estatal e municipal, colaboren para evitar o abandono deste emblema cultural. No último pleno municipal, ao ser preguntado sobre a cuestión, indican, o alcalde sinalou que a restauración debería correr a cargo do Estado, evidenciando así a falta de acordo entre ambas institucións.

Durante 32 anos, este mosaico de teselas de vitrocerámica, que representa a beleza do océano e a presenza dos arroaces na costa galega, formou parte da paisaxe e da identidade da praia de Santa Cristina. Encargado pola Demarcación de Costas de Galicia baixo a dirección de Eduardo Toba, o mural é obra do mesmo artista que participou no parque escultórico da Torre de Hércules coa coñecida 'Rosa dos Ventos'.

Co paso do tempo, a falta de mantemento, as pintadas e a proximidade dun emisor de augas fecais contribuíron ao deterioro da obra, que presenta fendas e danos visibles. Desde o BNG advirten que a restauración non suporía un gran investimento económico, pero canto máis se demore a súa reparación, maior será o seu deterioro.

O grupo nacionalista insiste en que a preservación do patrimonio colectivo é unha responsabilidade compartida e reitera a súa petición para que as administracións impliquen na súa conservación. Por iso, volverán levar o asunto ao pleno municipal de febreiro, reivindicando unha solución inmediata que garanta a protección deste legado artístico e cultural para as futuras xeracións.

0.159343957901