O BNG súmase ás protestas da ANPA do CEIP Vicente Otero en Carral e reclama máis profesorado especialista e unha terceira aula de 4.º de Primaria

A comunidade educativa do CEIP Vicente Otero Valcárcel mantén a mobilización ante a merma de recursos neste inicio de curso. Este luns, á entrada do colexio, a ANPA volveu convocar unha concentración en demanda de profesorado especialista —Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL)—, ademais dun coidador e da terceira aula de 4.º de Primaria para cumprir coas ratios fixadas pola propia Consellaría. Á protesta sumouse unha representación do BNG de Carral acompañada pola deputada no Parlamento galego Iria Taibo, quen anunciou o rexistro de iniciativas parlamentarias para restituír persoal e garantir unha atención adecuada á diversidade.
As familias levan semanas reclamando solucións 'sen resposta efectiva' e chaman a participar nunha marcha o xoves 2 de outubro ás 19.30, con saída da Casa do Concello. Lembran que o centro —único CEIP de Carral, nun municipio en crecemento— pasou de dous PT e dous AL no curso pasado a un PT compartido co CEIP de Tabeaio e un AL, que 69 alumnos acompañados pola Orientación perderán apoio específico, e que o coidador foi trasladado. Engaden que, aínda que as aulas de 4.º contan con 20 escolares, resulta imprescindible abrir unha terceira pola presenza de dúas crianzas con necesidades especiais. O BNG estende a súa preocupación á tendencia xeral de reducción de especialistas no país e defende que a atención individualizada debe estar garantida en todas as escolas, preferentemente dentro das aulas, para favorecer a inclusión.