O BNG solicita na Eurocámara o desbloqueo da rexeneración integral da ría do Burgo

ACoruñaXa
Reclaman o mantemento das compensacións económicas pola parada produtiva e un “papel máis activo” por parte da Xunta
CULLEREDO ria do burgo
3 Dec 2025

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou este martes durante a Comisión de Peticións da Eurocámara celebrada esta tarde, instou ao goberno galego e ao estatal a desbloquear a rexeneración total da ría do Burgo.

Miranda pediu que a Comisión de Peticións se poña en contacto coa Comisión de Emprego e que envíe unha carta aos dous gobernos para avanzar no desbloqueo deste proceso, que considera vital para a recuperación da ría.

Na sesión, a eurodeputada saudou a intervención do presidente da Confraría da Coruña, Javier Mariñas, que participou por videoconferencia, e recordou a importancia da visita dunha delegación internacional á ría do Burgo en 2013, promovida polo BNG, que levou á consignación dos fondos para realizar o dragado, xa finalizado.

Ana Miranda tamén reclamou á Xunta de Galicia que asuma un “papel máis activo” na rexeneración total da ría, lembrando que, segundo os artigos 27.15º e 28.5º do Estatuto de Autonomía, a comunidade ten competencias exclusivas en pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura, mentres que o goberno estatal é responsable das obras de dragado.

Outro punto destacado na intervención foi a crítica pola falta de compensación económica ás mariscadoras e mariscadores durante a parada produtiva, que, segundo explicou Javier Mariñas, levan desde abril de 2024 sen ingresos. “Solicito que haxa compensacións veñan de onde veñan”, reclamou Ana Miranda.

“As dúas administracións teñen que poñerse de acordo para que as mariscadoras e mariscadores poidan cobrar e para que esa ría do Burgo estea saneada total e integralmente, como leva demandando o BNG en todas as administracións”, inalou Miranda, que insistiu en que “só foi o BNG quen durante máis de 15 anos estivo ao lado da Confraría de Pescadores da Coruña e dos peticionarios na defensa da ría”, afirmación que contou coa concordancia do propio presidente da Confraría, Javier Mariñas, quen resaltou que son “os máis interesados en acadar unha ría totalmente rexenerada e produtiva”.

⚙ Configurar cookies
0.08699893951416