O BNG sinala que o Concello non expide as tarxetas para o aparcadoiro en zona de residentes
O BNG da Coruña indica que o Concello non está a expedir as tarxetas para o aparcadoiro en zona de residentes, pese a estar a pagar as correspondentes taxas. Así o rexistrou a concelleira do BNG Avia Veira nun feixe de preguntas por escrito en relación a este feito.
Expón que segundo críticas veciñais que se teñen dirixido ao BNG, isto está a supor, que pese a estar a pagar as taxas requiridas para ter dereito a aparcar en zonas de residentes, persoas usuarias non poden estacionar os seus vehículos nos espazos reservados porque moitas veces calquera pode deixar o seu vehículo neles.
“Por que razón non se están a expedir tarxetas de residentes? Que vai facer o Goberno municipal para remedialo canto antes? Vai aumentar a vixilancia para garantir os dereitos dos usuarios das zonas de residentes?”, inquire Avia Veira.
“A falta de control fai que veciñas e veciños que pagan as taxas correspondentes vexan como en ocasións non poden aparcar nas zonas reservadas porque persoas que non teñen dereito si estacionan nelas os seus vehículos”, censura Veira, quen insta o Goberno local a que resolva canto antes esta situación.