O BNG reitera novamente a situación de inseguridade polos recheos de Armuño

ACoruñaXa
David Carro, portavoz municipal, sinala que este recheo xa provocou inundacións nalgunha vivenda
Mercedes_Queixas
5 Feb 2025

A deputada do BNG, Mercedes Queixas, trasladou de novo o seu interese polos recheos realizados nunha parcela de Armuño (Lubre) contigua ao polígono industrial sen adecuarse a licenza, logo de que dende a Xunta non desen resposta ao último requerimento efectuado pola propia Queixas o pasado verán.

"A veciñanza leva máis de 3 anos en vilo por este recheo que xa provocou inundacións nalgunha vivenda. As consecuencias poden ser peores xa que, pola orografía da zona, máis vivendas poden verse afectadas e tamén pode afectar á estrada provincial e principal vía de comunicación da zona", indicou o portavoz municipal, David Carro.

"A APLU (Axencia de Preservación da Legalidade Urbanística) abriu expediente de reposición da legalidade mais, despois de tanto tempo desde a apertura, a parcela continúa igual e os responsábeis non atenden ao requirimento logo de que as súas alegacións xa foron desestimadas. A APLU debe actuar para obrigar a cumprir a legalidade", expuxo Queixas.

"Ademais deste, noutra parcela tamén de Lubre, efectuouse outro recheo tamén sen adecuarse á licenza, cuestión que puxemos en coñecemento da APLU para que estas actuacións non queden impunes e os responsables continúen incumprindo a normativa" aclarou Carro.

"Por que a APLU, axencia da Xunta de Galiza, da a calada por resposta?, que ten que ocultar?, por que non se obriga a reposición da legalidade?. Esta actitude dá unha sensación de total impunidade cara os responsábeis que non se pode permitir, dende logo, non coa anuencia do BNG, que seguirá a denunciar esta situación por todos os medios ao seu alcance até que se solucione esta problemática", concluía a deputada Mercedes Queixas.

0.13709211349487