O BNG recoñece a traxectoria política de Francisco Jorquera e destaca o seu compromiso co país

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, puxo en valor a traxectoria política de Francisco Jorquera durante un acto de recoñecemento no que destacou o seu compromiso co país e a súa longa dedicación á política desde o nacionalismo galego.
Pontón asegurou que Jorquera é unha das persoas ás que garda un especial cariño e recoñeceu que foi unha das primeiras que lle tendeu a man cando ela comezaba a súa militancia en Galiza Nova. Segundo explicou, naquela etapa o político nacionalista xa desempeñaba tarefas organizativas dentro da formación e era unha persoa de referencia pola súa capacidade de traballo e pola confianza que transmitía.
Durante a súa intervención, a líder do BNG subliñou que ao longo da súa traxectoria Jorquera demostrou talento político e unha forma de facer política baseada no diálogo, na escoita e no compromiso co ben común. Pontón agradeceu tamén os anos de dedicación á vida pública e recoñeceu o esforzo realizado tanto por el como pola súa familia durante ese tempo.
A portavoz nacionalista destacou ademais que, malia deixar responsabilidades institucionais, Jorquera seguirá vinculado á organización e á militancia. Neste sentido, sinalou que continúa sendo unha das principais referencias políticas do nacionalismo galego.
Pontón aproveitou tamén para referirse á situación do BNG na Coruña, asegurando que a organización afronta un momento no que a militancia terá que decidir quen encabezará a próxima candidatura municipal. A líder do Bloque incidiu en que esa decisión non se tomará desde ningun despacho, senón que serán os propios militantes e militantes da cidade quen escollan a persoa que aspire á alcaldía.
A responsable nacionalista destacou ademais que o BNG conta cun amplo grupo de persoas preparadas para asumir esa responsabilidade e avanzou que nas próximas datas se coñecerá quen será a candidata ou candidato á alcaldía da cidade herculina.