O BNG reclama solucións polos danos das obras na N-VI en Guísamo

ACoruñaXa
Traslada o grupo nacionalista que é unha actuación pensada para eliminar un punto negro de alta sinistralidade, pero que xera malestar
Nestor Rego
25 Apr 2025

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, volve poñer o foco nos danos derivados das obras de mellora no cruce entre a N-VI e a estrada de Ferrol á altura de Guísamo, unha actuación pensada para eliminar un punto negro de alta sinistralidade, pero que está a xerar malestar e preocupación entre a veciñanza.

Segundo denunciou o portavoz municipal do BNG, David Carro, desde o inicio das obras en 2023, varios veciños advertiron a aparición de fendas en vivendas, caída de revestimentos e desprazamento de muros de peche en parcelas próximas. "Utilizouse maquinaria que afectou directamente ás propiedades particulares, e a pesar de trasladarmos esta situación ao Concello, á empresa e ao Ministerio, seguimos sen obter resposta", lamentou.

A nova configuración viaria tamén está a xerar problemas de seguridade no acceso ás vivendas. "Moitos condutores usan o carril de servizo como atallo para evitar a rotonda, e fano a gran velocidade. Isto fai que saír das casas se converta nun risco real para os residentes", denunciou Carro, reclamando medidas urxentes para evitar posibles accidentes.

Pola súa banda, Néstor Rego advertiu que, malia que as obras están case rematadas, a situación continúa sen resolverse: "Só a empresa realizou algunha comprobación puntual, pero en ningún momento se garantiu que as propiedades afectadas vaian ser devoltas ao seu estado orixinal".

Desde o Bloque reclaman unha resposta inmediata do Ministerio de Transportes. “Entendemos que estas obras son necesarias para mellorar a seguridade viaria, pero non poden facerse a costa do benestar e da seguridade da veciñanza de Guísamo. O silencio institucional é inaceptable”, concluíu Rego.

⚙ Configurar cookies
0.1593611240387