O BNG reclama reforzos urxentes en pediatría para Cambre, Carral e Oleiros

ACoruñaXa
As urxencias compártense media mañá entre os PAC de Cambre e Santa Cruz, que dan cobertura a máis de 60.000 persoas
CAMBRE centro saude temple
14 Oct 2025

O BNG vén de denunciar as carencias do servizo de pediatría na comarca e pide a súa mellora inmediata nos concellos de Cambre, Carral e Oleiros. A formación nacionalista alerta de que, en fin de semana, as urxencias pediátricas funcionan de maneira compartida entre os PAC de Cambre e Santa Cruz, con media mañá en cada un, o que obriga as familias a consultar previamente os horarios e complica a atención cando se produce unha incidencia cun menor.

Segundo os datos achegados polo BNG, en Oleiros existe un pediatra en quenda deslizante de mañá e tarde no Centro de Saúde de Santa Cruz, que se despraza dúas mañás ao da Mera; en Perillo hai dous profesionais pola mañá e un pola tarde para máis de 4.000 nenas e nenos. O centro da Covada carece de pediatría e o de Mera só ofrece unhas horas semanais.

En Cambre, os centros de Cambre e O Temple dispoñen de catro pediatras —tres en Cambre e un no Temple—, pero moitas cotas están pechadas e o PAC de Cambre atende tamén poboación de Carral.

A deputada Iria Taibo rexistrou iniciativas no Parlamento de Galicia para adaptar o servizo ás necesidades reais e anunciou que o BNG levará a cuestión aos plenos municipais dos tres concellos.

⚙ Configurar cookies
0.092670917510986