O BNG reclama que se amañen de inmediato os danos do temporal no teito do CEIP Rosalía de Castro

ACoruñaXa
Mercedes Queixas inquire o Goberno galego se era coñecedor das denuncias presentadas xa hai tempo pola ANPA
danos-teito-ceip-rosalia-de-castro
12 Out 2024

A ANPA Aturuxo do CEIP Rosalía de Castro viña alertando desde hai tempo sobre as deficiencias que presentaba o tellado deste centro de educación infantil e primaria sen que nin Xunta nin Concello fixesen nada ao respecto.

O problema fíxose patente co paso pola cidade da borrasca Kirk: os fortes ventos e a cantidade de auga caída provocou o desprendemento de varias pranchas de metacrilato do tellado deste CEIP, o que obrigou a intervir os bombeiros para as retirar e para analizar o estado en que se achan as restantes pranchas.

É por todo isto que a deputada, e tamén concelleira, Mercedes Queixas vén de rexistrar unha batería de iniciativas (proposición non de lei, preguntas orais e escrita) por medio das cales insta a Xunta a que repare de inmediato os danos causados por Kirk no Rosalía de Castro.

Queixas pídelle ao Goberno Galego que faga un estudo completo dos estragos producidos por esta borrasca e que actúe para “garantir a seguridade da comunidade educativa nos accesos de entrada e saída ao centro”.

Canto ás preguntas, Queixas quere saber se a Xunta era coñecedora das denuncias presentadas pola ANPA e que reparacións ten acometido nestes días para garantir o bo estado do tellado.
Salienta Queixas que a zona afectada polos danos “adoita estar moi concorrida, sendo que é a que protexe o paso do alumnado de educación infantil e está próxima á zona de entrada e saída do centro do conxunto do alumnado e profesorado de primaria”.

0.17955899238586