O BNG reclama que o Concello de Bergondo apoie e promocione á panadería e repostería local

ACoruñaXa
David Carro propón campañas de promoción, un selo distintivo local e xornadas de degustación para impulsar o sector, destacando o seu impacto na economía e no emprego do municipio
Imaxe de pan
25 sep 2024

O BNG de Bergondo presentará no próximo pleno unha iniciativa para que o Concello de Bergondo apoie de maneira decidida a panadería e pastelería locais. David Carro, voceiro da formación, subliñou a importancia deste sector en crecemento, propoñendo medidas como a creación dun selo identificativo, campañas promocionais e xornadas de degustación en colaboración coas empresas locais.

"En Bergondo temos polo menos sete obradoiros que precisan apoio. Estas accións non só potenciarán o sector, senón que axudarán a crear máis riqueza e emprego", destacou Carro, durante unha visita á Panadería San Isidro Bakery, onde estivo acompañado polos deputados provinciais Xosé Regueira e Avia Veira.

Carro tamén salientou o éxito de produtos como o panettone de San Isidro Bakery, recoñecido en eventos como Madrid Fusión, e as empanadas de “O Forno de Guísamo”, que participaron no Festival da Luz. Ambos exemplos, dixo, mostran o bo facer das panaderías locais e a súa capacidade para promover o nome de Bergondo máis alá do municipio.

As responsábeis de San Isidro Bakery compartiron detalles sobre a elaboración de produtos como a bica, o premiado panettone e a tradicional “Ruliña”, á vez que avanzaron novidades grazas á innovación constante do obradoiro. Desde o BNG, mostraron o seu apoio ao sector e defenderon a proposta que levarán ao pleno para promover unha maior visibilidade e recoñecemento da panadería e repostería local.

0.1834089756012