O BNG reclama que a Xunta asuma o custo total das escolas infantís de Miño e a súa integración na rede Galiña Azul

ACoruñaXa
A formación nacionalista sostén que o servizo de 0 a 3 anos é competencia autonómica e cifra en máis de 225.000 euros o gasto municipal asumido en 2024 para manter 'A Ceboliña'
MIÑO a ceboliña escola infantil
15 Oct 2025

O BNG instou á Xunta de Galiza a financiar integramente as escolas infantís do municipio de Miño e a integralas na rede pública Galiña Azul, ao considerar que a creación, o mantemento e a xestión das etapas de 0 a 3 anos son competencia exclusiva autonómica. O portavoz nacionalista, Alberte G. Nicolás, sostén que, na práctica, 'numerosos concellos están a asumir con dificultades un servizo que non lles corresponde'.

Segundo datos achegados polo propio Concello, a Escola Infantil Municipal 'A Ceboliña' tivo en 2024 un custe total de máis de 375.000 euros. Desa contía, a Xunta achegou 120.000 euros e as familias contribuíron con 17.000 euros en cotas de comedor. A diferenza, subliña o BNG, recaeu nas arcas locais: máis de 225.000 euros que o Concello tivo que cubrir para soster a atención educativa.

O municipio está, ademais, a habilitar unha nova escola infantil na antiga unitaria do Xarío para atender a demanda crecente derivada do aumento poboacional e da chegada de novas familias. O BNG advirte de que, se a Xunta non asume a súa parte, duplicarase o esforzo económico municipal para manter o servizo nas dúas sedes.

A integración na rede Galiña Azul, defende a formación, permitiría que a administración competente asumise a xestión, garantindo a continuidade do servizo, a gratuidade real e o mantemento das prazas, á vez que liberaría recursos municipais para outros cometidos locais. Nicolás engade que, no caso de Miño, o aforro pola transferencia de 'A Ceboliña' e da futura escola do Xarío, xunto co ingreso do IBI da AP-9, contribuiría a aliviar a cota anual de arredor de cincocentos mil euros que o Concello paga ao Estado pola débeda herdada ligada á urbanización Costa Miño, mellorando así a estabilidade financeira do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.069739103317261