O BNG reclama no Pleno actuacións urxentes para mellorar a seguridade viaria no Martinete e no Birloque

O BNG levará ao Pleno municipal deste xoves unha moción centrada nos problemas que, segundo denuncia, arrastran os barrios do Martinete e do Birloque. O concelleiro David Soto defenderá unha batería de medidas que pon o foco na mobilidade e na seguridade viaria, pero tamén na falta de espazos de lecer e culturais e na necesidade de mellorar varios equipamentos públicos.
Entre as propostas, o grupo nacionalista pide que se axilice a transferencia ao Concello das estradas provinciais DP0512 e DP3004, co obxectivo de poder actuar “con carácter urxente” para garantir condicións de seguridade ao longo de todo o trazado.
Outro dos puntos que o BNG considera prioritarios é a conexión dos dous tramos do carril bici na Avenida de Glasgow. Soto sostén que a solución actual resulta insegura e reclama unha intervención que mellore a convivencia entre ciclistas, peóns e persoas usuarias do bus urbano.
A moción tamén inclúe demandas relacionadas con instalacións municipais e espazos públicos. Por unha banda, o BNG reclama que o goberno local lle esixa á empresa construtora a reparación das deficiencias detectadas no Centro Cívico do Birloque. Por outra, propón ampliar e mellorar a zona de xogos infantís da praza Agustín Díaz e arranxar as escaleiras que conectan o aparcadoiro desa praza co polideportivo de Elviña.
A iniciativa suma, ademais, peticións dirixidas á Xunta. O BNG insta o Concello a reclamar actuacións sobre a pista polideportiva de Elviña, que tras unha reforma recente segue presentando pingueiras, e sobre o estado do céspede das canchas de fútbol, que consideran deteriorado. No apartado de servizos, a moción tamén solicita que se estude a apertura dun centro de saúde que dea cobertura ao Martinete, ao Birloque e ao Sector 7.