O BNG reclama no Parlamento solucións urxentes para as deficiencias do CEIP do Graxal

ACoruñaXa
A formación nacionalista denuncia a falta de compromisos concretos da Xunta coas obras pendentes no centro de Cambre e pide coordinación entre administracións para evitar máis atrasos
CAMBRE ceip graxal
20 Mar 2026

A situación do CEIP do Graxal chegou á Comisión 4.ª do Parlamento Galego da man do BNG, que puxo o foco nas carencias estruturais que, segundo denuncia a comunidade educativa desde hai meses, condicionan o día a día do centro de ensino de Cambre.

Entre as actuacións reclamadas figuran a reforma de dous aseos situados no segundo andar, a renovación das xanelas, iniciada hai anos sen chegar a completarse, a revisión e substitución dos termos das aulas de Educación Infantil, dous deles avariados, e tamén a mellora do sistema de calefacción por criterios de eficiencia enerxética.

A deputada nacionalista Iria Taibo rexistrara esta cuestión en novembro de 2025, mais a Xunta non respondeu dentro do prazo establecido. Esa falta de contestación permitiu que a iniciativa fose reconvertida para a súa resposta en comisión, onde compareceu o secretario xeral técnico da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Manuel Vila.

Durante a sesión, o representante autonómico evitou asumir prazos concretos para a execución das obras, aínda que recoñeceu a necesidade das demandas expostas. Ademais, sinalou a falta de mantemento por parte do Concello de Cambre, un argumento que o BNG considera insuficiente ante o deterioro que presenta o centro.

Taibo advertiu de que a discrepancia entre Xunta e Concello sobre quen debe asumir determinadas intervencións non pode servir de escusa para seguir adiando as melloras. A deputada defendeu que ambas administracións deben colaborar para dar resposta ás necesidades do alumnado, do profesorado e das familias. Ao seu xuízo, a ausencia de avances evidencia unha falta de compromiso político co CEIP do Graxal, independentemente de quen goberne no municipio.

A parlamentaria nacionalista tamén levou ao debate a situación da ANPA do centro, despois das sancións impostas a membros da súa xunta directiva polas mobilizacións celebradas o pasado novembro. Segundo o BNG, aquelas protestas derivaron nun corte involuntario do tráfico pola elevada asistencia de persoas, sen que se adoptasen medidas suficientes para garantir a seguridade ou ordenar a circulación.

Por este motivo, a formación considera desproporcionadas as multas impostas e interpreta o ocorrido como unha limitación da liberdade de expresión e de manifestación. O asunto, de feito, foi trasladado tamén ao Congreso dos Deputados a través do deputado Néstor Rego.

0.1182918548584