O BNG reclama investimentos clave nos orzamentos de 2025 para a comarca das Mariñas

ACoruñaXa
As emendas nacionalistas piden partidas para o saneamento da Ría de Betanzos, a depuradora de Paderne, un centro de día público nas Mariñas e melloras en infraestruturas educativas e patrimoniais
A CORUÑA mercedes queixas bng
10 Dec 2025

O BNG presentou as súas emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2025 dirixidas á comarca das Mariñas, incorporando reivindicacións históricas que, segundo a formación, continúan sen resolver tras anos de demandas. A deputada Mercedes Queixas insistiu en que é prioritario 'reservar unha partida para rematar o saneamento da Ría de Betanzos, unha depuradora en Paderne ou o tantas veces reclamado centro de día ou xeriátrico público nas Mariñas'.

Desde o bloque consideran que as contas elaboradas polo executivo galego non achegan solucións á realidade da zona. 'Estes orzamentos non dan resposta aos problemas históricos da nosa comarca. Só vemos continuísmo e incumprimentos continuos do goberno da Xunta, que non cobre as necesidades das nosas veciñas e veciños', afirmou o responsábel comarcal do BNG, Alberte G. Nicolás.

O BNG lamentou que a Xunta volva adiar a resposta ao problema de contaminación que afecta á Ría de Betanzos. Queixas criticou que non figure ningunha dotación para a depuradora de Paderne, 'unha infraestrutura imprescindíbel para garantir a calidade da auga'.

A deputada nacionalista sinalou tamén a ausencia de investimento para a creación dun centro de día público ou dun xeriátrico na comarca, que segue sen contar cunha soa praza pública. O BNG propón que Xunta, Estado e Concello acorden a rehabilitación do antigo ambulatorio de Betanzos para este uso.

No ámbito educativo, o BNG reclama fondos para melloras no CPI Castro Baxoi de Miño, comprometidas hai anos, así como para contratar o proxecto dun novo IES no municipio. Queixas advertiu de que 'nun concello que medra en poboación e no que aumentan as necesidades en servizos básicos, a previsión de investimento da Xunta é inexistente, nin un só euro'.

As emendas inclúen tamén partidas para a rehabilitación do parque do Pasatempo e do casco histórico de Betanzos, así como para dinamizar o acceso á vivenda e servizos básicos. En Bergondo, a formación nacionalista solicita recursos para mellorar a depuración no polígono industrial e para recuperar o antigo edificio do LIGAL, co obxectivo de convertelo nun centro de transformación agraria e viveiro de empresas.

⚙ Configurar cookies
0.093284130096436