O BNG reclama a condonación da débeda do Porto da Coruña

ACoruñaXa
O grupo nacionalista insiste no obxectivo de garantir a titularidade pública dos terreos portuarios desafectados
jorquera-bng
3 Apr 2025

O BNG da Coruña presentou as súas achegas ao documento inicial de Bases Estratéxicas para o desenvolvemento do Proxecto Coruña Marítima, co obxectivo de garantir a titularidade pública dos terreos portuarios desafectados, condonar a débeda contraída pola Autoridade Portuaria e superar definitivamente os convenios de 2004.

O portavoz do BNG no Concello e presidente da Comisión Especial da Fachada Marítima, Francisco Jorquera, expuxo estas propostas en rolda de prensa, subliñando a existencia de ambigüidades no documento inicial. Segundo explicou, o texto recolle a vontade de manter a titularidade pública dos espazos pero, ao mesmo tempo, fai referencia á necesidade de obter aproveitamentos urbanísticos para financiar a débeda portuaria, o que podería implicar a súa privatización.

Condonación da débeda e modelo de xestión pública

Para o BNG, a solución non debe pasar pola venda de terreos portuarios, senón pola condonación da débeda, tal e como xa fixo o Goberno central co Consorcio València 2007 por un importe superior ao da Coruña. Jorquera lembrou que, no caso coruñés, a débeda responde á construción de Punta Langosteira, un proxecto considerado de interese estatal tras a catástrofe do Prestige.

A formación nacionalista tamén propón a creación dun Consorcio que integre ás distintas administracións públicas para impulsar e xestionar o Proxecto Coruña Marítima. Neste modelo, o Estado debería contribuír cunha achega equivalente á débeda da Autoridade Portuaria.

Defensa do porto e planificación estratéxica

O BNG defende que a nova fronte marítima debe preservar as actividades produtivas do porto interior, xa que Punta Langosteira non cobre todas as necesidades portuarias da cidade. Así mesmo, destaca a importancia de integrar políticas medioambientais que afronten os retos do cambio climático, como a creación de infraestruturas verdes para aumentar as zonas vexetais da Coruña.

En materia de mobilidade, a organización nacionalista aposta por manter no peirao de San Diego a infraestrutura necesaria para futuros servizos ferroviarios de proximidade, así como a creación dun intercambiador que conecte o tren con outras formas de transporte urbano e metropolitano.

Por último, o BNG expresou as súas reservas sobre o concurso convocado para o desenvolvemento do Master Plan, ao tratarse dun procedemento restrinxido que podería limitar a participación de expertos locais. Jorquera insistiu na necesidade de aproveitar o coñecemento existente na Coruña e en Galicia para definir o futuro da fachada marítima da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.20707607269287