O BNG propón redeseñar a Feira Franca Medieval cunha programación máis ligada a Betanzos

ACoruñaXa
A formación nacionalista considera que a festa perdeu co paso dos anos o seu carácter singular e a implicación veciñal
bng-betanzos
25 Jun 2025

O BNG levará ao próximo Pleno unha proposta para abrir un proceso participativo co tecido asociativo e os grupos da Corporación co obxectivo de redefinir o programa da Feira Franca Medieval. A formación nacionalista considera que a festa perdeu co paso dos anos o seu carácter singular e a implicación veciñal que a caracterizaba nas primeiras edicións.

“A evolución da Feira Franca foi levándoa a ser un mercado medieval máis dos que inzan o verán galego, afastándose da implicación veciñal das primeiras edicións e perdendo pouco a pouco presenza de oficios tradicionais, da historia local...”, lamenta a portavoz municipal, Amelia Sánchez. Segundo o BNG, “en lugar de tirar proveito do amplo pouso etnográfico e cultural que unha cidade co legado castrexo, portuario e labrego que Betanzos ten, tírase de tópico na súa programación”.

A proposta nacionalista aposta por recuperar o valor histórico de Betanzos como peza clave no Reino de Galiza medieval. “No BNG consideramos que a programación da Feira Franca Medieval ten que servir para poñer en valor o papel que Betanzos xogou no Reino de Galiza na Idade Media, divulgando de xeito lúdico a historia e os persoeiros da época”, destacan.

Amelia Sánchez propón, neste sentido, “apostar polo propio” como forma de diferenciar esta cita doutros eventos similares e lembra episodios e figuras históricas como Xohán Branco, Alonso de Lanzós, María Balteira, Urraca Pérez de Traba, os trobeiros Pero Amigo de Sevilha e Pero de Ambroa, ou os santos Toribio e Pedro de Mezonzo. “Hai suficientes episodios históricos, como visitas rexias, puxas polo sal ou invasións normandas, para facer xirar cada ano a edición sobre un persoeiro ou un suceso, obrigando practicamente ao ano seguinte a regresar para descubrir outro totalmente diferente”, engade.

O BNG tamén insiste na necesidade de incorporar aos oficios tradicionais como elementos centrais da celebración: “A presenza de peiraos medievais na propia cidade histórica, pegados ao recinto onde se festexa a festa, permiten dotar de moito máis contido e poñer en valor as outras arestas do pasado: os oficios do viño, a corta do carrizo nos xuncais comunais, a carpintaría de ribeira, as danzas gremiais...”.

A esta proposta lúdica, sumarían actividades divulgativas como ciclos de conferencias ou recitais en templos góticos centrados en episodios históricos, persoeiros ou a literatura medieval.

Mesa da ría e memoria democrática

No mesmo Pleno, o BNG volverá a reclamar a creación da Mesa da Ría con colectivos e partidos políticos para trazar un plan de rexeneración integral da ría de Betanzos. “Os últimos vertidos nos ríos obrigan á Xunta a completar o saneamento e depuración das augas que se verten á ría”, advirten, ao tempo que demandan a implicación dos concellos que contribúen aos verquidos.

Tamén pedirán ao goberno local do PSOE que repoña as árbores taladas en espazos urbanos e que aumente o número de exemplares, priorizando especies autóctonas como medida fronte ao cambio climático e a contaminación.

Finalmente, o BNG reclamará o cumprimento da Lei de Memoria Democrática, solicitando a retirada de honras públicas a Fraga Iribarne, e lembrando que aínda está pendente o acordo para homenaxear a figura de Benigno Andrade "Foucellas". “Falta cumprir o acordo para recuperar e homenaxear a figura do Foucellas, coa colocación dun memorial en que se lembrase que no Antigo Cuartel da Garda Civil de Betanzos, hoxe Museo das Mariñas, foi preso e torturado Benigno Andrade”, concluíu Amelia Sánchez.

⚙ Configurar cookies
0.16703510284424