O BNG propón que a nova área xuvenil de Novo Mesoiro leve o nome de Ruby, un activista LGTBI

O BNG da Coruña acaba de propoñer que a futura área xuvenil de Novo Mesoiro leve o nome de Ruby, en homenaxe a Rubén Alexandre Barral Enríquez, activista en defensa dos dereitos da comunidade LGTBI falecido hai pouco máis dun mes.
A iniciativa, impulsada polo concelleiro nacionalista David Soto, foi trasladada ao Pleno municipal a través dun rogo oral, asumindo unha proposta realizada previamente pola Asociación Veciñal de Novo Mesoiro.
“Rubén foi un defensor dos dereitos da comunidade LGTBI, que é o mesmo que dicir que foi defensor do ben común”, destacou David Soto, quen salientou tamén o seu papel como colaborador do Sex Point do Comité Antisida da Coruña. Segundo indicou, impulsou un proxecto esencial para a cidade, que contribuíu a mellorar a vida de centos de persoas mediante a acollida, o acompañamento e a sensibilización social sobre a exclusión, a saúde sexual e a defensa da diversidade.
O concelleiro nacionalista, que tamén reside en Novo Mesoiro, subliñou o espírito comunitario do barrio, onde a figura de Ruby é lembrada como exemplo de compromiso social e participación veciñal. “Novo Mesoiro é un barrio novo, pero cun fortísimo sentimento de comunidade”, engadiu Soto, recoñecendo as achegas de persoas como Rubén Alexandre Barral á construción dun espazo máis inclusivo.