O BNG propón investimentos nos orzamentos de 2025 para revitalizar Bergondo
O BNG de Bergondo presentou unha serie de propostas para o orzamento municipal de 2025, co obxectivo de impulsar o desenvolvemento local mediante actuacións en infraestruturas, servizos e programas sociais. Entre as principais iniciativas destacan a adecuación de locais sociais en zonas como Mariñán, Vixoi, Cortiñán e Fiobre, e medidas para resolver problemas de humidades nos baixos da Casa da Cultura.
O portavoz municipal, David Carro, subliñou tamén a necesidade de desbloquear o departamento de urbanismo mediante asistencia técnica e de ampliar o programa "Universo Diverso" para incluír menores, favorecendo así a conciliación. Entre outras actuacións, o BNG propón modificar o ICIO para bonificar as rehabilitacións de vivendas, fomentando a mellora da oferta habitacional no municipio, e a creación dunha senda peonil que conecte as zonas de Santa Marta e Rois.
Outras intervencións inclúen a renovación da pista polideportiva en Cortiñán, a instalación dun pump track e a apertura da Casa da Xuventude cunha programación que favoreza a participación e conciliación dos mozos. Así mesmo, solicitan a apertura da escola unitaria de Cortiñán como vivenda de emerxencia social e a dotación de saneamento na zona da Fraga.
O documento de propostas inclúe tamén iniciativas que xa foron aprobadas en sesión plenaria, pero que seguen pendentes de execución, como a posta en marcha dun servizo de transporte interparroquial municipal e a creación de aparcamentos en Guísamo. Ademais, suxiren a posta en valor do sector da panadaría e pastelaría locais para dinamizar a economía de Bergondo.
Para incrementar a transparencia e mellorar o control do orzamento, o BNG propón que cada concellaría especifique as súas partidas de xeito detallado. Carro destacou que estas propostas responden a demandas históricas dos veciños, que o partido seguirá impulsando para lograr un Bergondo máis cohesionado e con servizos mellorados.