O BNG presenta alegacións contra o Parque Eólico Seixo e reclama a súa paralización

O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar alegacións formais contra o proxecto do Parque Eólico Seixo, promovido pola empresa Mowe Energía e que afectaría aos concellos da Laracha, Carral, Cerceda e Abegondo. A formación nacionalista reclama ao Goberno central que denegue tanto a autorización administrativa previa como o Estudo de Impacto Ambiental, ao considerar que a proposta representa “unha nova agresión ao territorio” e resulta “incompatíbel cos valores ambientais, patrimoniais, socioeconómicos e paisaxísticos da zona”.
O parque prevé unha potencia de 77 megavatios e a instalación de 16 aeroxeradores en terreos dos tres primeiros municipios, todos eles integrados na Zona de Transición Xusta de Meirama. Segundo explica o BNG, “a aprobación deste proxecto resta potencial aos proxectos presentados no concurso do Nó de Transición Xusta de Meirama, de feito, entra en conflito territorial con estes”.
Desde o Bloque critican que este novo proxecto se insire “nun modelo eólico depredador, carente de planificación e pensado ao servizo de intereses privados”, sen ter en conta “a capacidade de carga do territorio nin os dereitos das persoas afectadas”.
A formación tamén alerta da afección ao Camiño Inglés, declarado Ben de Interese Cultural, e a múltiples elementos patrimoniais e espazos protexidos. Ademais, advirte da proximidade dalgúns aeroxeradores a núcleos habitados, “en ocasións por debaixo das distancias mínimas esixidas pola lexislación galega”, o que suporía unha “grave ameaza para a saúde e o benestar da veciñanza”.
Outro dos puntos destacados polas alegacións é a falta dunha avaliación ambiental rigorosa que contemple o conxunto do proxecto, incluídas as liñas de evacuación e a subestación prevista en Abegondo, que aínda non conta con autorización e acumula unha notable oposición social e institucional.
“O suposto beneficio en termos de xeración eléctrica ou emprego non compensa en ningún caso o dano irreparábel que este proxecto podería causar”, argumenta o BNG. A organización cualifica de “insostíbel e colonial” o modelo de implantación masiva de parques eólicos sen control nin planificación real, cunha finalidade “especulativa e allea ás necesidades da poboación”.
O BNG demanda ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico a denegación inmediata do proxecto e a paralización de todos os parques en tramitación ata que se estableza unha planificación estratéxica conxunta coa Xunta de Galicia, baseada en criterios de racionalidade, equilibrio territorial e respecto polo medio ambiente e o patrimonio.