O BNG pide o premio Úrsula Meléndez de Texeda para as mulleres das adegas do viño do país

O BNG de Betanzos proporá na Comisión de Honras que o premio Úrsula Meléndez de Texeda, concedido polo Concello de Betanzos cada 8 de marzo, se dedique este ano ás mulleres que mantiveron abertas as adegas do viño do país. As nacionalistas destacan que, coincidindo coa dedicación do Día das Letras Galegas á música popular oral, é un momento idóneo para recoñecer o labor destas mulleres, que conservaron e difundiron esa tradición cultural nas súa bodegas.
Vanessa Rey subliña que estas mulleres, baixo o ramo de loureiro, mantiveron vivas as adegas e a elaboración do viño, ao tempo que abriron as portas das súa casas para preservar e espallar a nosa música popular, conservando mesmo cancións locais que, doutra maneira, terían desaparecido. "Unimos o recoñecemento ás mulleres, ao cultivo do viño e á nosa música tradicional nesta proposta", engade.
Noutra orde das cousas, o BNG insistirá na Comisión en dedicar o novo parque de San Francisco a Fernán Martíns, autor da Crónica Troiana e antigo morador do mosteiro franciscano, mentres que o parque situado na traseira da Pescadería levaría o nome de Xohán Branco, escribán e capitán irmandiño. "Ambos son persoeiros medievais que contribuíron cunha obra fundamental á nosa literatura e ao recoñecemento de Betanzos como cidade, polo que é lóxico poñer en valor as súa figuras no propio casco histórico", explica Rey.
Ademais, o BNG proporá nomear os parques infantís do municipio con nomes de autores e autoras galegas de literatura infantil, establecendo así un vínculo entre dúzas formas de lecer complementarias. Entre as propostas atópanse nomes como Neira Vilas, cuxa mestra do Neno Labrego era betanceira, Agustín Fernández Paz, Paula Carballeira e Ledicia Costas.
Entre outras iniciativas, o grupo nacionalista proporá tamén que o edificio do club náutico do porto leve o nome do padexeiro Carlos Arévalo e apoiará a dedicación do pavillón municipal a José María Valeiro. As nacionalistas lembran, ademais, que xa se propuxo no pleno nomear como "Xardín do 28 de xuño" o espazo situado á beira do Mendo no Carregal, onde se atopan bancos decorados coa bandeira do Orgullo LGBT+.