O BNG pide mover ficha para lograr a cesión da 'Casa de Rosalía' e convertela nun espazo visitable

O BNG volveu poñer sobre a mesa, coincidindo co 189 aniversario da nacenza de Rosalía de Castro, a reclamación de que o Goberno local dea cumprimento ao acordo unánime do Pleno de decembro de 2021 para negociar con Abanca a cesión da vivenda coruñesa na que a autora residiu entre 1870 e 1874.
A concelleira Mercedes Queixas insistiu en que o Executivo municipal debe activar dunha vez as xestións pendentes para incorporar o inmoble ao patrimonio público e impulsar a súa rehabilitación e musealización. A proposta do BNG apunta directamente á casa situada no número 3 da rúa do Príncipe, na Cidade Vella, que figura como propiedade de Abanca e que, segundo recollía a moción de 2021, non está aberta ao público e presenta un estado de deterioración.
'A Coruña tamén é Rosalía', sinalou Queixas, que reprochou a 'indiferenza' do Goberno local nesta efeméride e reclamou avances para reforzar a memoria dunha 'galega universal'. O Bloque lembra que o acordo aprobado hai case cinco anos instaba a abrir conversas coa entidade financeira e a buscar apoios doutras administracións para materializar o proxecto, así como a contar coa colaboración de entidades como a Fundación Rosalía de Castro e a Real Academia Galega na definición do contido museístico.
A moción de 2021 tamén incluía a petición de actuar sobre a sepultura de Manuel Murguía no cemiterio de Santo Amaro, co obxectivo de dignificala e rotulala en galego.