O BNG de Miño pide máis canles de participación e denuncia que a súa proposta non prosperou no pleno

O BNG de Miño lamentou que a súa proposta para impulsar ferramentas de participación cidadá non saíse adiante no último pleno municipal, ao contar co voto en contra do goberno local do PSOE.
Segundo explicou a formación nacionalista, a moción pretendía establecer canles estables para que a veciñanza poida coñecer e opinar sobre decisións municipais e trasladar necesidades detectadas nas parroquias. Entre as medidas incluídas figuraban a posta en marcha de encontros veciñais periódicos nas oito parroquias, a creación dun ‘Escano Veciñal’ nos plenos (cunha quenda específica de rogos e preguntas aberta á cidadanía) e un proceso anual de orzamentos participativos, reservando unha parte do orzamento a actuacións decididas pola veciñanza.
O portavoz municipal do BNG, Alberte G. Nicolás, sostivo que se trata de propostas asumibles e baseadas en vontade política. ‘Non estamos falando de grandes investimentos nin de proxectos complexos, senón de vontade política. Son medidas perfectamente asumíbeis por calquera goberno que crea na participación real da veciñanza’, afirmou.
A iniciativa encaixa, sinalan, nunha liña de traballo que o BNG xa viña defendendo, e que tamén se viu reflectida en encontros parroquiais celebrados noutras etapas para recoller propostas e facer balance do mandato.