O BNG pide explicacións polos atrasos nas obras do cruzamento da N-651 en Chantada (Paderne)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas parlamentarias para coñecer o estado das actuacións anunciadas hai seis meses polo Ministerio de Transportes no cruzamento da N-651, no lugar de Chantada, en Paderne. A formación nacionalista alerta da ausencia de avances nun punto viario cunha elevada taxa de sinistralidade.
Indican desde o BNG que a estrada nacional N-651 presenta varios tramos perigosos ao seu paso por Paderne, entre eles o cruzamento coa AC-164 en Souto, na saída da Ponte do Pedrido, e tamén o de Chantada, que segue sen intervencións a pesar da adxudicación feita pública en setembro. Segundo indica Rego, “o pasado mes de setembro o Ministerio de Transportes facía pública a adxudicación da execución para mellorar a seguranza viaria neste cruzamento de Chantada porén, máis de seis meses despois, aínda non comezaron as actuacións”.
O BNG solicita agora explicacións sobre os motivos que están a bloquear ou atrasar as obras, así como cales son os prazos previstos para a súa execución. A formación lembra que se trata dunha intervención considerada urxente polo propio Ministerio.
Rego advirte das condicións específicas da zona, sinalando que “a súa situación nunha curva pronunciada e ás condicións naturais da zona, fan que se eleve a perigosidade, dado que o asfalto está húmido habitualmente e que presente xeo no inverno”. Por iso, o BNG reclama “todas as actuacións que permitan solucionar a deficiente sinalización e a mellora do acceso”.