O BNG pide en Coirós máis uso e programación para a Aula da Natureza de Chelo

O BNG de Coirós levou ao rexistro unha moción para darlle impulso á Aula da Natureza de Chelo e convertela nun espazo con actividade regular, aberto á veciñanza e con capacidade para dinamizar a vida social, cultural e educativa do municipio e da contorna.
A proposta aposta por unha programación anual estábel que combine iniciativas ambientais, culturais e formativas, ademais de accións de lecer saudábel. O grupo defende tamén que a Aula debería traballar en rede con asociacións veciñais, culturais, ecoloxistas e educativas, e sumar colaboración con outras administracións para ampliar alcance e recursos.
A portavoz municipal, Pura Ferreño Saia, sostén que ‘a Aula da Natureza de Chelo non pode seguir sendo un espazo infrautilizado’ e advirte de que a falta de programación e iniciativa está a levar o equipamento cara ao ‘abandono’. Por iso, o BNG reclama un proxecto ‘serio, estábel e ambicioso’ que poña Chelo ao servizo da cidadanía con propostas atractivas para públicos diversos.
No plano das infraestruturas, a moción inclúe peticións para que o goberno municipal reclame á Deputación da Coruña melloras no mantemento, e á Xunta de Galicia unha actuación sobre os accesos ás instalacións, ademais dun novo aparcadoiro. A formación insiste en que Chelo debe reforzar a súa identidade como enclave natural e educativo de referencia e funcionar como un espazo vivo e participativo.